Quero expresar o meu mais profundo agradecemento ao meu pai, principal fonte deste traballo. Gustaríame que este traballo recollese os froitos de tantos anos de dedicación case que exclusiva á súa tenda.
A estructura do traballo queda reflectida ao meu xuízo no título, pois o que paso a facer a continuación non é se non caracterizar o tipo de negocio, situándoo ademais nun contexto histórico e social determinado e rastrexar a traxectoria (evolutiva ou involutiva) que levou dende a súa apertura no ano 1948 ata o seu peche definitivo en xuño do 2007.
Tamén me gustaría que este traballo nos leve a todos os que entremos en contacto con el a unha reflexión sobre o impacto das grandes áreas comerciais, que deixan valeiras as nosas rúas e que acaban coas nosas tradicións e modos de ocio e comercio.
Iván Fernández Coba
Localización e caracterización do establecemento
Descrición xeral do negocio.
Trátase este establecemento dun ultramarinos de tamaño máis ben pequeno. A superficie real do establecemento de cara ao público non supera os 20 metros cadrado. Podemos definilo como unha tenda de barrio, concepto en perigo de extinción. Pero ata agora aínda quedan algunhas, só as hai que buscar ben. Atendido por persoal sen estudos de administración de empresas, nin de economía, cunha formación básica e sen estudos medios nin superiores.
Situación Temporal.
O establecemento estivo aberto ao público ininterrompidamente dende o ano 1948 ata o 2007.
Situación espacial e valoración da mesma.
Esta tenda está situada nun lugar comercialmente algo privilexiado, case entre dous barrios. Formalmente, está situada no barrio de Esteiro. Para sermos exactos, estamos a falar da rúa Pascual Veiga, situada en fronte da Comisaría de Policía Nacional de Ferrol – Narón.
O caso é que, ao estar situada entre dous barrios, a tenda era frecuentada por clientela de ámbolos dous barrios, unha posición beneficiosa con respecto a outras tendas. Aínda así, tampouco era tanta a diferencia, pois había clientela suficiente para todo o mundo. Cada zona tiña a súa tenda e máis ou menos os seus clientes, que residían preto do establecemento.
Contexto histórico e social.
O barrio de Esteiro e a súa evolución.
O antigo barrio de Esteiro xorde no século XVIII como lugar de residencia para os traballadores dos estaleiros da cidade, en contraposición ao famoso barrio da Magdalena, centro da cidade e lugar escollido pola burguesía local e os militares. A pesar das súas diferencias sociais, ambos barrios foron ideados ex novo para albergar á nova poboación que atraería a elección do lugar para situar os estaleiros e o arsenal militar. Pero cabe destacar, que aínda que se aprecia a idea de racionalidade na traza de ambos barrios, o proxecto para o barrio da Magdalena era máis ambicioso (aínda máis que o que vemos hoxe, xa que se plantexaba un barrio de vivendas idénticas con soportais nas beirarrúas, pero que foi desestimado polo medo a que os constructores se botasen atrás con tantas esixencias) que o de Esteiro, xa que tiña un fin máis importante, albergar á elite social da cidade.
O certo é que en canto á súa cronoloxía, foi a poboación de Esteiro a primeira en ver a luz. Foi a mediados de século, ao trasladar o estaleiro da Graña ás abas do monte homónimo ao barrio de Esteiro. E o seu fin non era outro que de acoller á poboación concorrente aos traballos navais. A maior parte dos terreos, uns 23.000 m2 , onde debía situarse o cadro eran propiedade do bispado de Mondoñedo, quen os cedeu en venda á coroa.
En principio estaba proxectada unha estructura ortogonal, similar á da Magdalena, aliñando lonxitudinalmente seis rúas paralelas de 428 metros cada unha, cortadas por unha serie de estreitas rúas transversais. Os edificios resultantes de tales quinteiros tiñan que ser de pouca profundidade e moita lonxitude de fachada, como era común nos trazados do século XVIII. A ámbolos dous lados deste plan xeral situábanse dúas prazas: a de San Agustín e a do Hospital Militar. Neste novo recinto estaba prevista a construcción de diversas instalacións de administración e servizos como a sede da Intendencia de Mariña, o cuartel de Garda Mariñas, o Observatorio Astronómico, o Hospital Militar, a Igrexa Castrense e as oficinas da Armada. Mais de todo isto só se cumpriu o trazado das rúas e a construcción do Hospital Militar que hoxe é, xunto cos seus arredores o Campus de Esteiro, da UDC. Na realidade, erixíronse unha serie de edificacións mediocres feitas na súa maioría de barro, lousa, algunha mampostería e madeira, incluíndose algúns sillares nalgunhas edificación de certa entidade. Concibiuse, en principio como un lugar de acollida dos traballadores das obras do estaleiro, pero continuou alí sendo unha das zonas menos privilexiadas de Ferrol, nunha constante decadencia onde se atopaban os peores vicios da cidade ata a súa desaparición física, en pro da especulación urbana na ano 1970.
Ao derrubar o antigo Barrio de Esteiro, tamén chamado “Cadro de Esteiro” en referencia ás súas rúas trazadas ortogonalmente, a maior parte da súa poboación emigrou ao recén construído barrio de Caranza, obra de época Franquista. No sito deste emblemático barrio, do que hoxe só queda unha rúa (a principal) e media foi construído un moderno barrio que constitúe a última gran ampliación da cidade, con grandes bloques de 9 e 10 pisos en torno á Avenida de Esteiro, que serve tamén como unha das saídas e entradas á cidade departamental.
Análise e evolución.
Os productos e a súa procedencia.
Neste apartado tratarei de desmenuzar os productos que se puideron adquirir neste establecemento, así como ver a súa procedencia, é dicir, onde eran adquiridos para a súa posterior venda ao público. Estes productos, en xeral, de consumo frecuente e moi vinculados coa alimentación na súa grande maioría, eran adquiridos nos denominados almacéns existentes na cidade. Un dos que máis destaca é o almacén “de coloniais”, chamado de “Pita Romero” por ser este o dono, e que tiña unha ampla variedade de productos. Este almacén estaba situado en pleno centro da cidade departamental con fachada cara a dúas rúas do barrio da Magdalena; na actualidade ese espacio comercial foi ocupado por unhas coñecidas galerías comerciais. Tamén había os correspondentes almacéns específicos para productos coma as patacas, a froita, os licores, os productos de droguería, etc..
Comezarei este repaso polo pan, producto esencial na dieta e que polo tanto foi vendido dende os comezos. Este pan, vendido en barras ou bolos tiña varias procedencias. Por unha banda, un forno da cidade facía pan con fariña de fora, “castellana”, e as repartidoras levaban o pan a pé con carriños de man de dúas rodas ás tendas da cidade. Por outra banda, as tradicionais panadeiras de Neda (municipio veciño sito na outra banda da ría, ou lado do muíño de Xubia) traían en carros de cabalo pan feito con fariña de trigo “do país”. Tamén destaca a venda de pan de maínzo, vendéndose nas mesmas proporcións ca o de trigo, dependendo claro, das capacidades económicas dos clientes. A isto se lle sumaba a venda de pan feito con fariña “de mestura”, que tiña ambas fariñas. Posteriormente a bonanza económica e as melloras técnicas fixeron máis abundante o pan de trigo e posibilitaron que os repartidores acudisen en vehículos a motor, tal e como os vemos hoxe en día.
O seguinte artigo é máis propio das primeiras épocas da tenda, sendo hoxe complicado de atopar nos establecementos. Estou a falar da leña, leña de toxo para sermos máis exactos. Esta leña era traída desde as aldeas en carros de cabalos e máis tarde en camións. Era na súa época un ben dunha gran importancia, pois con esta leña funcionaban as cociñas chamadas “económicas”, que eran as que había en todas as casas, o que a convertía nun ben de primeira necesidade na cidade, pois na aldea non era necesario mercala ao tela ao lado da casa. Continuou sendo vendida en tacos dun tamaño axeitado ao das cociñas ademais de piñas para prender o lume ata finais dos 60, en que estas cociñas foron sendo menos frecuentes.
A carne, fundamentalmente touciño, era adquirida nas feiras. Ocupan un lugar de relevancia os embutidos, coma chourizos, salchichón, xamóns... que procedían da fábrica de embutidos, de onde eran traídos por un repartidor nun camión. Destaca a máquina de cortar embutidos, dos 60, un exemplar mecánico que utiliza a forza manual a través dunha manivela para mover o disco de aceiro inoxidable e tamén acerca a peza máis ou menos segundo se queira.
As patacas procedían do almacén de patacas, que estaba preto da tenda. Este situación facía que o repartidor viñese andando cun carro pequeno de repartidor, repartindo para todas as tendas da zona. Posteriormente os repartidores empregaron camións como actualmente fan.
No que atende á froita, fundamentalmente falamos de mazás, peras, laranxas, plátanos e uvas. Nos primeiros tempos meu pai ía ao mercado a por ela. Pero máis tarde comezou a vir un repartidor do almacén de froitas. Deste almacén tamén procedían as castañas.
O aceite, vendido a granel, ao igual que os productos anteriores, procedía do almacén “de coloniais” que tiña unha grande variedade de productos, ata tenda era traído polos repartidores deste almacén. O sal, tanto grosa coma fina, procedía tamén deste almacén. Ao igual que as especias, coma o azafrán, o pimentón doce e picante, os cominos, a canela en rama e en pó, o cravo, a pementa branca... E a partir dos anos 60 o gas a granel para as cociñas.
O leite era traído primeiro da aldea en bidóns de 25 litros para vender a granel ata o ano 55. Despois as empresas leiteiras tomaron o relevo e comezaron a envasar e repartir o leite xa envasado nos seus camións aos diversos establecementos.
Outro dos productos vendidos eran as bebidas alcohólicas. Neste capítulo entra por exemplo o viño, vendido en tres variedades: branco, tinto e clarete. O viño antes era vendido a granel, estaba na tenda en tres toneis (un para cada tipo de viño) de 100 litros. Este, ao igual que a sidra, que viña embotellada, procedía do almacén de licores, de onde era traído por un repartidor do devandito almacén. Tamén se vendía augardente e caña para facer licor de guindas nas casas, esta procedía da fábrica de licores.
Os refrescos traíaos un repartidor da fábrica. Fundamentalmente, podemos falar de auga con gas e de sifón. Claro está que actualmente o oco destes productos era ocupado polos refrescos de cola e de similares características.
No apartado da panadería industrial e os doces en si, sen ser industriais, podemos falar fundamentalmente que antes se vendían fundamentalmente empanadas e bolas, sobre todo para a festa da patroa: O Pilar en Recimil e as Angustias en Esteiro. A partires dos 50 comezan a mercarse tamén os sábados. Estas bolas e empanadas procedían das propias panaderías que subministraban o pan. Tamén se detecta, máis tardiamente a aparición de novos productos coma os Donuts e as galletas, que viñan dun almacén de comestibles.
O azucre viña do almacén en sacas de 60 quilos. Do almacén tamén procedían o café en gran, o malte (cebada tostada), a cascarilla (as cáscaras do cacao) e a achicoria, que se vendían a granel. As gominolas, caramelos, doces e froitos secos eran repartidos por repartidores das empresas distribuidoras deses productos.
De fariña había dous tipos, que tiñan distintas procedencias. Primeiro hai que falar da fariña de maínzo. A fariña de maínzo viña da aldea, onde se cultivaba o maínzo e se moía nun muíño eléctrico antes de vir cara a Ferrol. Despois está a fariña de trigo, que era fariña de fóra, tamén chamada “castellana”. Esta fariña procedía dun almacén e era traída polo repartidor de dito almacén.
Vendíanse tamén legumes, como arroz, garavanzos, fabas e lentellas. As fabas eran mercadas nas feiras celebradas en Ferrol. O resto dos legumes viñan do almacén. Do almacén tamén viñan as conservas, de pescado, pementos, guisantes, melocotóns, piña... Estas conservas viñan, como agora, enlatadas, sendo nos primeiros tempos un dos poucos productos que non eran vendidos a granel.
E como na tenda se vendía de todo, tamén era este o lugar indicado para adquirir outro tipo de productos non alimenticios, coma por exemplo os productos de mercería (fíos, panos, cremalleiras...) que procedían dun almacén “de paquetería”. Tamén se atopaban neste establecemento productos de droguería, procedentes dun almacén “de droguería”. Entre estes atopamos a lixivia, o papel hixiénico, as colonias, a laca do pelo, o xabón, e outros moitos. Deste almacén de droguería tamén procedían outros productos diversos coma chupetes de neno, xoguetes, bombillas...
Un producto que vendía antes e que agora xa non se ofrecía aos clientes era a comida para os animais, fundamentalmente maínzo e salvado que procedía dun almacén “de pensos”.
E, por último, os productos de papelería, xa que a especialización dese sector comercial é recente, exceptuando algunhas e sonadas librerías, aínda que estas venderan fundamentalmente libros. Dentro desta categoría entran os lapis e bolígrafos para escribir, as libretas, etc. Procedían dun almacén “de papelería”.
Como vemos, fundamentalmente se toca o sector alimentario, aínda que tamén se vende un pouco de todo, para satisfacer un pouco tódalas necesidades dos clientes.
Horarios e condicións de traballo.
Neste apartado tentarei facer unha análise do que supuña o traballo de dependente nun establecemento das características do que nos ocupa. O traballo de tendeiro foi no seu momento un oficio bastante absorbente e que requiría unha atención e dedicación ao establecemento moi importante. Pero a intensidade de dedicación foi cambiando coa propia evolución deste tipo de establecemento, xa que cada vez se abrirá menos tempo e haberán menos clientes, ata chegar aos nosos días onde xa se madruga menos e se pecha cedo, antes da hora de comer, xa sen miras de abrir pola tarde. E dese tempo que o establecemento está aberto, tampouco é tan intenso o traballo, con horas enteiras sen facer nada ante a pouca afluencia, que ven case sempre a unhas horas determinadas todos os días, exceptuando esas compras de última hora, que poden aparecer en calquera momento.
Podemos establecer, varias etapas con distinta intensidade de traballo. A primeira etapa podémola situar en torno aos anos 1948 e 1955. Nesta etapa abríase de 8 da mañá a 10 da noite, ininterrompidamente e de luns a domingo, aínda que dependendo das normativas habería que pechar o domingo pola tarde ou non.
Unha segunda etapa versaría entre os anos 1955 e 1975. Nesta etapa apréciase unha reducción nas horas de traballo, abrindo ininterrompidamente de 9 da maña a 8 e media da tarde. Os sábados só se abría pola mañá, e os domingos xa non se abría. Tamén é destacable dicir que abrir os sábados requiría un traballo moi intenso, xa que só se abría pola mañá e as ventas eran as mesmas. Ese día, despois de descansar, revisábanse as facturas e ao rematar se aínda había forzas había un rato para o ocio, tempo por exemplo, para achegarse a un dos desaparecidos cines ferroláns.
A terceira etapa establecina entre os anos 1975 e 1995, as datas non son exactas, so son orientativas, falariamos neste caso de dende mediados dos 70 a mediados da década dos 90. A principal novidade nesta etapa é a introducción do peche a mediodía para comer, abrindo de 9 da mañá a 2 e logo pola tarde de 4 a 8 e media. En canto a sábados e domingos, manterase ata o 2007 a tendencia a abrir os sábados pola mañá e pechar o resto do día e o domingo.
A cuarta etapa vai dende 1995 ata o 2000. Fundamentalmente se trata dunha lixeira reducción nos horarios, que agora irán de 9 e media a 2 e pola tarde de 5 a 8 e media da tarde.
E, por último, nos últimos sete anos só abría pola mañá, de 10 a 2, debido ao pouco volume de negocio rexistrado polas tardes (case nulo) e a outras circunstancias como o frío das tardes de inverno (un baixo dos anos corenta, cunha altura no teito superior ao dous metros) e outras.
Os clientes.
Durante a maior parte da actividade deste ultramarinos, ata a aparición dos supermercados e as grandes superficies, as características son similares en tódolos sentidos, e tamén no eido dos clientes. Tendo en conta a conxuntura social e económica deste establecemento, situado entre un barrio obreiro (Esteiro) e unhas vivendas sociais da posguerra española (Recimil) unha parte considerable da clientela constituíana as mulleres de traballadores dos estaleiros da E.N. Bazán. Claro que tamén era importante a porcentaxe de mulleres de militares, ao ser Ferrol unha cidade cun marcado carácter militar. Tamén acudían á tenda nenos que ou ben se achegaban a mercar larpeiradas para eles ou cumprían encargos das súas nais, verdadeiras encargadas da economía doméstica.
A clientela era moito máis abundante e fiel que nos tempos que corren, e aínda que había moitas tendas, tamén había moita xente e non había outro sitio para mercar, ao non existir aínda os supermercados e autoservicios, que dende a súa aparición foron prexudicando aos ultramarinos. Fenómeno similar, mutatis mutandis, ao que o comercio popularmente coñecido como "todo a 100" está a sufrir coa competencia dos Bazares chineses, que teñen unha gran cantidade e variedade de productos a uns prezos de difícil competencia.
A afluencia deses clientes era continua, e, dada a proximidade deste comercio, a xente non dubidaba en acudir varias veces no día, levando o que precisaba a cada momento. Esto nos choca un pouco na nosa época da "lista da compra", na que mercamos todo o que podemos de vez para desprazarnos o mínimo posible, xa que os supermercados non están tan accesibles.
Nos últimos anos, estes establecementos son o refuxio de persoas de idade avanzada, que levan toda a vida mercando na súa tenda de sempre e non teñen gañas, por dicilo dalgunha maneira, de "quentar a cabeza" indo a un supermercado, onde non está o seu tendeiro de sempre, que o coñece e co que pode ter unha grata conversación. Tamén é o refuxio desa compra de última hora do artigo que se esqueceu mercar, esas compras de escasa importancia, so para saír dun apuro.
Os métodos de cobro.
No apartado dos métodos de cobro caben sinalar fundamentalmente dous: o pago ao contado e o fiado.
Cando se lle fiaba a un cliente, se lle daba unha libretiña, para ir apuntando os importes das compras realizadas. Esta libreta era persoal, ademais desta, o tendeiro tiña unha libreta máis grande onde apuntaba o fiado de todos os clientes. Estes clientes pagaban a final de mes. Entón, ao realizar as compras diarias íase apuntando nas dúas libretas e ao final de mes se cobraba todo xunto. Algunhas persoas se aproveitaron deste sistema, pois desaparecían ao chegar o final do primeiro mes sen pagar nada, eran os chamados “pufos”. De darse esta situación, o comerciante estaba nunha total indefensión perante a lei, ao non existir factura algunha.
O outro método é o que nos é máis habitual, aínda que hoxe tamén usemos as tarxetas de crédito, aínda seguimos usando o pago en metálico ao contado.
E neste apartado nada mellor que repasar algunhas das moedas que circularon para abonar o custo dos productos durante a singradura deste establecemento. Aquí os datos non son exactos e as datas son orientativas, non coinciden coas datas de circulación das moedas.
Unha primeira etapa podémola situar entre os anos 1948 e 1955. Onde a usual moeda de máximo valor sería a de 25 pesetas, seguida da de 5 pesetas, o noso popular “peso” ou “duro”. Despois estaría a peseta de aluminio, seguida da moeda de 25 céntimos ou “real”, a de 10 céntimos ou “mota” e a de 5 céntimos de cobre ou “chico”.
Unha segunda etapa sería a que abarca o resto do réxime franquista onde, convivindo coas anteriores aparece a moeda de 100 pesetas, tamén aparece aínda que por pouco tempo debido á súa impopularidade a moeda de 2,5 pesetas ou “medio peso”. Foi tamén nesta etapa onde atopamos a moeda de 1 peseta “rubia” e se produce a progresiva desaparición dos céntimos.
Outra etapa sería a que seguiría tras a etapa franquista, onde convivindo coas anteriores aparecerían a moeda de 500 pesetas, a de 50 pesetas, a de 25 pesetas ou “5 pesos” e a peseta de aluminio, que xa recordamos todos.
E, por último algo que tamén todos vivimos, que foi o cambio á nosa actual moeda, o euro.
O envasado e a taxación dos productos.
Neste apartado e onde quizais o cliente das grandes superficies note unha gran evolución, acostumado como estará a ver todo envasado e listo para meter no carro e pasar pola caixa. O certo é que esta acción é moi recente, tan recente como a aparición dos supermercados, xa que antes, a gran maioría dos productos eran vendidos "a granel", é dicir, a taxación é realizada nunha unidade de medida, xeralmente o kilo (o litro para os líquidos coma viño ou leite), e o cliente solicita unha determinada cantidade do producto en cuestión. Posteriormente se aplica unha regra de tres entre o prezo por unidade de medida e o que mide. Este sistema aínda é utilizado nos mercados, froiterías, carnicerías, peixerías...
Para medir o instrumento indispensable en toda tenda era a balanza ou pesa, que servía para todos os productos salvo para os líquidos, para os que había unha serie de recipientes de distintas medidas. O aceite tiña un sistema propio, consistente nun aparello que tiña unha especie de compartimento semi-estanco que producía o baleiro para absorber do bidón en que estaba este aceite unha determinada cantidade de aceite, que despois saía por unha billa.
A grande excepción nesta época son as conservas, que xa viñan enlatadas.
Ás veces, algúns productos non se vendían por unidades de medida, senón por unidades monetarias. Así, podiamos atopar xente que solicitaba "un peso de café", ou "tres reais de malte". Estas cantidades eran pequenas, e eran servidas "a ollo", sen usar balanza, xa que igual era pouco máis dunha presa pequena e tampouco había moita marxe de erro.
Este tipo de sistemas sempre favorece a picaresca do comerciante, que podía rematar botando unha pouca de auga no leite ou no viño, para cobrar o mesmo gastando menos.
En épocas máis recentes comezan a aparecer os productos envasados, ao principio en cristal e lata, moito máis recentemente en plástico, que é como moitos estamos acostumados a velos.
Principais innovacións técnicas.
Neste caso, o propietario do negocio decidiu non facer reformas nin se meteu a innovar no seu negocio demasiado. Fundamentalmente son dúas as novidades que viu este establecemento. Ambas son dos anos sesenta.
A primeira é unha máquina de cortar embutidos e fiambres. Trátase dun exemplar da marca DISVE, que utiliza a enerxía proporcionada polo ser humano mediante unha manivela para mover o carro, que vai achegando os productos conforme os corta, e o disco que corta. A persoa que corta só ten que darlle á manivela e vixiar cánto e cómo quere as lonchas.
A segunda innovación é a aparición da nevera.
A decadencia do pequeno comercio fronte aos supermercados e grandes áreas comerciais
O impacto da aparición dos supermercados e as grandes áreas comerciais
Nos últimos anos vimos vendo unha implantación progresiva de grandes superficies comerciais que aglutinan todo o necesario para o consumidor dos nosos días. Estou a referirme aos supermercados e ás grades áreas comerciais e de ocio xa tan comúns en todas partes, sobre todo nas cidades.
Os primeiros en ver este fenómeno foron os pequenos comerciante dos ultramarinos ante a competencia dos supermercados. Pero algúns dos últimos en darse conta deste cambio nos hábitos de consumo foron os donos de postos nos mercados municipais e os pequeno e mediano comercio das cidades e vilas galegas ante a competencia, no caso dos primeiros dos supermercados e no caso dos segundos dos centros comerciais.
O impacto da aparición destas novas fórmulas comerciais foi moi grande, tanto que nas cidades son o símbolo do consumo. Cando pensamos en ir de compras ou ir facer a compra, nas cidades poucos pensan en ir ao mercado ou en ir dar unha volta polo barrio ou polo centro, senón que nos aparece a imaxe do supermercado ou do centro comercial.
Pero é que lle hai que ver as vantaxes que ofrece fronte ao comercio máis tradicional, proporcionando os servicios precisos para facer as nosas compras, todo xunto no mesmo sitio, máis cómodo. Ofrecendo por exemplo aparcamento, algo case impensable no pequeno comercio, onde toca andar a pé, algo difícil de pedirlle á sociedade de hoxe en día. Estes factores e outros fixeron que os consumidores fosemos pouco a pouco cambiando os nosos hábitos de consumo cara aos actuais, abandonando os nosos comercios de toda a vida.
O pequeno comercio como refuxio dos nostálxicos e das compras de última hora.
A decadencia do pequeno comercio vese reflectida nun descenso das vendas, debida a un traslado da clientela, que opta polas grandes superficies e os supermercados para efectuar as súas compras. O que pode ofrecer este pequeno comercio do sector da alimentación ao consumidor é a proximidade e o trato persoal dun comercio do xeito tradicional. É isto o que atrae aos clientes das tendas, nostálxicas persoas, normalmente de avanzada idade que as prefiren aos supermercados e que se fían do seu tendeiro de toda a vida. Tamén son o refuxio da compra do artigo de última hora, algunha parvada pola que non merece a pena coller o coche para achegarse a unha gran superficie.
Inflúe tamén o cambio de hábitos no consumo. Mentres que antes se facía a compra case diariamente, collendo o necesario para cada día, agora facemos a compra cantas menos veces mellor, iso si, gastando máis cartos cada vez e enchendo o carro máis para ter que volver o máis tarde posible.
RAMIL, E. et al..-Historia de Ferrol, A Coruña, Vía Láctea Editorial, 1998.