miércoles, 23 de noviembre de 2011

Un paseo pola historia de Narón

ACTUALIZACIÓN EN Wordpress (23/11/2013)
__________________________________________________________

INTRODUCCIÓN

O Topónimo “Narón” ten a súa orixe segundo Fernando Cabeza Quiles na raíz preindoeuropea “nar-“, que significaría auga, curso de auga.
O nome do concello provén do nome da parroquia de Narón, atravesada polo río Salgueiro. Este nome foi adoptado porque era no adro da Igrexa parroquial de San Xiao de Narón onde se reunía o concello.
Este traballo é un breve resumo feito con humidade que recolle a historia dun territorio castrexo que dominou a Terra de Trasancos, que posteriormente foi relegado a un segundo plano tralo nacemento do Ferrol da Ilustración vinculado á monarquía, e que está emerxendo no século XXI como o verdadeiro motor industrial e cultural da comarca.
...Que sirva este esforzo para dignificar a historia do noso concello.


PREHISTORIA

TRANSICIÓN DO PALEOLÍTICO AO NEOLÍTICO.
Os trazos fundamentais das vías de introducción do Neolítico en Galicia sonnos descoñecidas en gran parte, e polo tanto descoñecemos como se producen os cambios que conducen á poboación cazadora-recolectora a iniciar a súa sedentarización.
Nada sabemos de como vivían, como se artellaban os homes que un día chegaron pola costa portando a cerámica cardial, ou aqueloutros que, tal vez seguindo o mesmo camiño, elevaron os primeiros túmulos de terra no monte dos Nenos.
O único que podemos facer son unha serie de conxeturas que nos achegarían ao seu modo de vida e que coincidirían coas do resto de Galicia.

NEOLÍTICO ANTIGO (6000-4000 a.C.):A CULTURA DE CERÁMICA CARDIAL.
Durante o Neolítico Antigo atopámonos cun variado repertorio de olas, vasos globulares, botellas, etc. Que en ocasións presentaban na súa superficie motivos decorativos impresos mediante a aplicación de espátulas,punzóns...É moi característica a cerámica realizada mediante a impresión de distintas partes da cuncha dun berberecho (cardium edule) coñecida polo nome de “cerámica cardial”.
Inicialmente a cultura da cerámica Cardial, partindo de Sicilia, chega un momento en que se vai estendendo en dirección este a oeste, polas dúas ribeiras do Mediterráneo, pasa o estreito de Xibraltar e comeza a subir pola costa portuguesa en dirección norte.
A súa presencia en Galicia está documentada pola aparición de restos deste tipo de cerámica no xacemento do Regueiriño de Moaña. Este descubrimento significou a testemuña da presencia en Galicia dunha cultura anterior á dos megalitos.
O feito de non atopar restos ao redor do antigo “Mar da Xoiba” (Ría de Ferrol) non exclúe a súa presencia, polo que podemos asegurar, grazas aos restos de Moaña, a presencia destes mariscadores de beiramar.

AS MÁMOAS.
As mámoas atopadas ata agora na terra de Trasancos son 65, repartidas en catro áreas: Monte dos Nenos (16), Zona baixa do Val e Leixa (6), Monte da Cha e Brión (30) e Monte de Campaíñas e Mougá (13).
Ao estar case a totalidade dos túmulos violados, e non apreciarse restos de chantas, crese posible que a maior parte deles careza de soporte, afirmación feita con reservas, xa que non se escavou ningún túmulo ata o de agora.
As mámoas do noso concello acadan unhas dimensións considerables. Varias mámoas do Monte do Nenos presentan probablemente un anelo periférico de pedras na parte basal do túmulo apreciable en dúas delas por mor dun desmonte e un incendio. Estes anelos indicarían o límite de extensión máximo do túmulo no momento da súa construcción. Ó menos unha, o cal non é moi frecuente, está aparentemente intacta.
Do conxunto do monte dos Nenos (16 túmulos) dous poderían ter cámara poligonal e ó menos un parece posuír corredor.
Nos enxovais das cámaras áchanse armas, machados, puntas de frecha, etc. En Trasancos, estes obxectos atopados atópanse en mans de coleccionistas. En xeral son atopados fortuitamente, sen unha escavación científica.
A CULTURA DO VASO CAMPANIFORME (2100-1800 a.C.)
Durante esta etapa formouse por vez primeira a Terra de Trasancos como espazo definido.
A maior parte das mámoas de Trasancos poden proceder deste período. Os nomes de Trasancos e Labacengos non son indoeuropeos, o que indica que este territorios xa estaban configurados neste momento.
A cerámica campaniforme aparece intrusa tanto en megalitos con corredor, como sen el, xa que aproveitan para os seus enterramentos as numerosas cámaras preexistentes. Pero eles parecen que introducen o túmulo sen cámara. O altísimo número deste túmulos na zona de Trasancos fan pensar na presencia da cultura do vaso campaniforme.
ETAPA DO BRONCE.
Carecemos de testemuñas ou restos de calquera tipo desta época.


IDADE ANTIGA
OS CASTROS
Calcúlase que o populus de Trasancos estaría constituído por 56 castros. Unha ducia dos cales estarían situados dentro dos lindes actuais do concello de Narón.
Tamén se calcula unha cifra mínima de 2240 habitantes na Terra de Trasancos (8 casas/castro, 5 hab./casa)
Os castros identificados son 12: Quintá (O Val), Vilar (Trasancos), Sequeiro (Narón), A Revolta (Sedes), Eiravedra (Sedes), Vicás (Narón), A Hermida (desaparecido, Pedroso), O Castro (O Couto), Castro (desaparecido, Castro), Vilasuso (O Val), Peiruga (Pedroso), Lopesa (desaparecido, O Val).
O CUNCHEIRO DE LÓNGARAS
Na zona de Lóngaras, no Couto, nun vello camiño de carro polo que os mariscadores accedían a un embarcadoiro atopáronse uns estratos de ostráceas con restos de cerámica romana.
Non temos máis probas da estancia dos romanos na Terra de Trasancos.

IDADE MEDIA
OS ATAQUES VIQUINGOS.
"Un día, entre os meses de xuño e agosto, as velas a franxas encarnadas e brancas das feroces naves normandas, son avistadas no Mar da Xoiva (Ría de Xuvia), corría o século IX, e máis concretamente o ano 844. A chegada do normandos á ría de Xuvia causou pavor e foi lembrada moitos anos nas oracións das igrexas. Espoliaron os obxectos litúrxicos de ouro e prata e queimaron o mosteiro (prerrománico) de San Martiño. Levaron pola forza víveres, provisións e canto fora de valor, seguindo na súa expedición cara ao sur.
Tomaban mulleres e nenos como servos e provocaron a fuxida aos montes da poboación, deixando despoboamento e ruína tras os seus ataques na Terra de Trasancos, cun clima, por aqueles anos cálido, que favorecía a agricultura ea medra demográfica."
Estas naves normandas formaban parte dunha numerosa e organizada serie de expedicións vikingas que comezara en Frisia, aló polo ano 810.
Aínda que Galicia sufriría varias vagas máis está é a única invasión normanda, documentada nas crónicas, da Terra de Trasancos.
O PRIMEIRO DOCUMENTO.
O primeiro documento coñecido de San Martiño de Xuvia data do 15 de maio do 977. Describe unha doazón ao mosteiro realizada pola nobre señora de Trasancos, Visclávara Vistráriz, descendente do que fora duque e bispo de Xuvia:
"In dei nomine amen. Inuicctissimo almo atque Pannonie nato olimpo in regno Martino nempe uocato cuius baselica siccta est in ualle Trasanquos fluminis Iuuie ripa, [...] in quo loco domino nostro pontifex et uenerabilis Argimirus tenuit mire ducato per ordinationem Ranimiri prinipis,[...]"
OS CONDES DE TRABA
O máis importante clan nobiliar de Galicia na Idade Media procede da Terra de Trasancos e ten a súa casa en Xuvia, no Mosteiro de San Martiño.
Son os Pétriz ou Froilaz, logo chamados Condes de Traba, donos de extensas terras e propiedades que abranguen dende o río Tambre ata Ortigueira. Tiñan residencia e panteón familiar en San Martiño de Xuvia.
Da grandeza, importancia e papel histórico dos condes de Traba fala o seu título de "Conde de Galicia" que levou D. Pedro Froilaz, ou o de "Conde de Trastámara" do seu fillo Fernán Pérez.
O MOSTEIRO DE PEDROSO.
Nas privilexiadas terras que hoxe conforman Narón houbo un foco de grande poder económico e sociopolítico. Arredor de San Martiño e da Casa condal de Traba xira o acontecer neses longos anos da idade media.
Á riqueza e poderío dos membros desta familia debemos a construcción dun segundo mosteiro, o máis amplo e fermoso da terra de Trasancos, segundo a admirada testemuña dos que o viron: San Salvador de Pedroso.
Conservamos unha valiosa e abundante colección documental.
O mosteiro foi consagrado o 3 de xuño de 1111 e foi mandado construír por Munia Froilaz, irmá de Pedro Froilaz, conde de Traba e Galicia en lembranza de seu único fillo varón afogado no mar da Xoiva (Xuvia).
Hoxe desaparecido, só conservamos a súa importante colección documental que fora trasladada a Mondoñedo tras a reforma dos Reis Católicos.
Fisicamente, conservamos unha dovela da porta da Salvación e un capitel.
O MOSTEIRO DE SAN MARTIÑO DE XUVIA
Anterior ó de Pedroso, é a grande xoia da comarca que contén unha abondosa colección documental que é considerada como a máis grande de España dun mosteiro da orde de Cluny.
A historia do mosteiro de Xuvia merece un capítulo a parte. A súa orixe non está aínda aclarada, pero se supón unha orixe moi antiga, posto que en documentos do século X, xa se cita como moi vello e como lugar de retiro do bispo Arximiro, que viviu no século IX.
A edificación actual é obra de comezos do XII, debido a unha doazón do conde de Traba no ano 1137. Axiña foi recibindo privilexios e doazóns, en especial de parte de Fernando II de Galicia e León. Entre eles está a prohibición de que calquera persoa allea ao mosteiro puidese ter vasalos ou posesións dentro do seu coto e xurisdicción, así como a prohibición dirixida a nobres ou plebeos de tomar en matrimonio ou como concubinas ás servas do mosteiro.
A porta de Xuvia é única. Non existe outra semellante en ningunha igrexa románica coñecida. Moi sinxela, artellada en torno a dúas arquivoltas coroadas por un arco decorativo de cadrados e semicírculos rebaixados na pedra.
Destaca a súa colección de canzorros. A igrexa é de planta basilical de tres naves e tres ábsidas semicirculares. As naves sepáranse por cinco tramos de columnas.
AS REVOLTAS IRMANDIÑAS EN NARÓN
"O prior de Xuvia e o de Pedroso xuntáronse cun cabaleiro chamado Roi Xordo -afincado en San Mateu de Trasancos- e concentraron a tódolos labregos e fidalgos en San Martiño, saíndo en grande número para tentar sorprender a Nuño Freire "O Mao" en Ferrol, a onde acudiron tódolos habitantes da Terra de Trasancos, e fixeron todos unha irmandade e por toda a terra chamábannos "os irmáns", converténdose nunha vangarda do que máis tarde sería a Revolución Irmandiña en Galicia.
Nuño Freire fuxiu ao castelo de Moeche a onde foron os irmandiños. Xa fuxira cos seus homes para Pontedeume antes de que os seus perseguidores ocuparan e arruinaran parcialmente o Castelo.
Máis tarde chegou a Santiago, ata onde foi perseguido por Roi Xordo e os irmandiños. Alí, o arcebispo cun grande exército, derrotounos e perseguiunos ata Betanzos e Pontedeume...
O sangue irmandiño baixou polos ríos Eume e Xuvia, quedando Trasancos e Bezoucos con moitos casais baleiros e sen cabos na casa.
Máis tarde alzaríase toda Galicia nunha revolta irmandiña xeral.”

IDADE MODERNA

S. XVI E XVII
A partir de agora comeza a decadencia dos nosos mosteiros. No contexto da reforma relixiosa dos Reis Católicos, en 1493 o Mosteiro de Pedroso foi anexionado ao Mosteiro de S. Martiño de Mondoñedo.
San Martiño de Xuvia perdera tralas revoltas irmandiñas caso tódolos seus bens que pasan en 1472 á Casa de Andrade. Separado o mosteiro en 1518 de Cluny, foi vencellado como priorado á abadía de Lourenzá. En 1585 a súa xurisdicción foi enaxenada por Felipe II e un ano despois vendida á casa de Mandiá.
Do século XVI quedan dúas testemuñas arquitectónicas do poder das diversas ramas da familia Andrade.
Como a Capela de Santa Margarida (O Val), de estilo gótico serodio e que mantén reminiscencias do gótico mudéxar. Foi edificada no segundo tercio do século XVI por orde de Fernando de Andrade e da súa dona Inés de Castro e Lanzós.Brasonada co porco bravo e a banda engolada dos Andrade, esta xoia do noso patrimonio está acompañado dun interesante inmobiliario adxectivo, un cruceiro singular no adro, e unha fonte de cantería reputada como milagreira dende hai séculos. A feira que se celebraba nesta capela o 25 de xullo era unha das principais de Trasancos ata mediados do presente século en que desapareceu.
Outra testemuña é o Pazo de Baltar, que coa súa arquitectura adxectiva avala a riqueza dos fidalgos como contrapunto da pobreza xeral dos seus vasalos. A súa construcción é atribuída a Ares Pardo ou ó seu fillo Xoán Pardo de Lago e Andrade a partir do segundo tercio do século XVI, quen é considerado primeiro señor de Baltar. Mais tarde, os Marqueses de San Sadurniño fixéronse con esta casa mediante o casamento de Xosefa Caietana Pardo Moscoso (descendente directa do fundador) con Xosé Xacinto Quindós e Andrade, III Marqués de San Sadurniño. Os marqueses fixaron a súa residencia en Baltar, aportando ao conxunto arquitectónico a capela de San Xoán e unha fonte, ambas de estilo barroco e de grande valor estilístico.
A derradeira marquesa de San Sadurniño non tivo descendencia, e doou o pazo ós pais misioneiros do Sagrado Corazón de María, que construíron un mosteiro novo en 1914. O único resto que conservamos deste pazo é o escudo e posible retrato de Xoán Pardo de Lago nunha parede do moderno mosteiro.
S. XVIII
Durante a ilustración, coincidindo cos anos centrais do século XVIII prodúcese un renacer de S. Martiño de Xuvia e aparece unha figura de grande relevancia para o mosteiro e para o actual concello de Narón: Frei Felipe Colmenero.
Pasou máis da metade da súa vida en Xuvia, onde foi cura oito anos e prior durante vintecatro. Foi abade de Lourenzá, cargo ao que renunciaría para volver a Xuvia e exercer as súas grandes paixóns: a historia e a administración do priorado. Foi amigo persoal de Frei Sarmiento, que o visitou en dúas ocasións. Colmenero foi o primeiro historiador do que hoxe é Narón, o cal é unha honra. A el lle debemos as dúas primeiras obras escritas con criterios científicos: "Discurso histórico" e "Xuvia".
A pataca foi introducida en Narón a finais do século XVIII por Xosé Mª Bermúdez e Vilar de Francos, Sr. do Couto de Xuvia, que mandou ao seu rendeiros que a plantasen nas súas terras. Non foi a única novidade, xa que no segundo tercio do século XVII xa aparecera por aquí o maínzo.


A “REVOLUCIÓN INDUSTRIAL AGROPECUARIA” NARONESA.
A partir de 1750, no espazo territorial que hoxe se coñece como Narón, prodúcese unha "revolución industrial agropecuaria". Toda unha serie de "industrias" aséntanse neste territorio converténdoo nun enclave económico pioneiro en Galicia.
O crecemento demográfico de Ferrol e os seus estaleiros militares, provocou unha forte demanda de alimentos e productos primarios, que avezados comerciantes estranxeiros, asociados a familias de Trasancos, permítelles desenvolver unha serie de industrias alimentarias.
Naturalmente estamos a falar de Lestache, Beaujardin, Lembeie e máis, franceses chegados a Ferrol para o desempeño de diversos cargos. Vaise crear un grupo de ricos propietarios hexemónicos no mundo rural.
Os piares desa particular revolución industrial agropecuaria cobran forma principalmente nunha rede de muiñeiría que, nun alarde tecnolóxico para a época, utiliza todo tipo de enerxías renovables: auga, vento e mareas.
A Real Fábrica de Fariñas das Aceas, de grande sona na Galiza da época, utiliza a enerxía das mareas, acumulando auga nunha inmensa presa, situada no desaugue dos ríos Freixeiro e Pereiro (o que facía que puidese moer aínda que a marea non estivese ao seu favor). Ata aquí chegaban por terre e mar os cargamento de cereal de Ucraína e California para ser convertidos en fariña e comercializados ao exterior.
O Muíño fluvial do Chao de Pedroso-Doso é representativo dunha serie de muíños fluviais de catro pedras de moer (Portela, Chao, Cerdeiras), na que unha delas adoitaba ser para aserradeiro de madeira.
Os Muíños de vento de San Mateu e O Couto (este último desaparecido) foron os representantes desta tipoloxía. É a única construcción destas características aínda perdurada hoxe en día.
A Real Fábrica de fariñas, papel común e de estraza da Ponte de Xuvia, realizado por Lestache e Bucán en 1775, foi a maior fábrica de fariñas do seu tempo. Tiña unha capacidade de moenda de 70000 fanegas de trigo que se importaba mediante dous barcos do Báltico, de América e dos portos de Santander. Cada unha das catro moas moía 15 ferrados/hora e contaba con cinco cribos automáticos para clasificar a fariña en cinco clases, como se facía en Francia. En 1858 era a principal do país na súa clase. Posteriormente foi modificada converténdose en fábrica de laminados de cobres e bronces e fábrica de tecidos.
A Fábrica de Curtidos, pedra e lousa ordinaria da Gándara, en Xuvia, foi construída por Manuel Martín e Francisco García de Seixas no ano 1786. Abasteceron de pedra de cantería ás reais obras e de lousa ao consumo da comarca. Xunto coa Real Fábrica de Fariñas das Aceñas e o complexo industrial de Xuvia forma un piar básico no desenvolvemento económico e industrial da Terra de Trasancos durante o século XVIII.

IDADE CONTEMPORÁNEA

OS CONCELLOS RURAIS
Froito do lexislado na constitución de 1812, nacen en 1813 unha serie de concellos de curta vida:
- Concello de Pedroso (Pedroso, Doso, Sta. Mariña do Monte)
- Concello de Xuvia (Xuvia)
- Concello de Sedes (Sedes, Narón)
- Concello de O Val (O Val)
- Concello de San Mateu (S. Mateu)
- Concello de Trasancos (Valdoviño, Aviño, Atios, Lago, Lourido, Valdetieres e Taraza.
A vida destes concellos so dura ata tres anos máis tarde en que desaparecen e as parroquias volven a retomar as súas competencias.
NACEMENTO DO CONCELLO DE NARÓN
Aínda que a primeira acta conservada é do 23 de novembro de 1837, tense constancia nos arquivos provinciais da súa existencia xa en 1835, contando coas parroquias de: Narón, Castro, Doso, Trasancos, Sedes, Pedroso, O Val e Xuvia; tendo 4878 habitantes e converténdose no segundo concello máis importante da Terra de Trasancos.
O acto formal da constitución administrativa do concello tivo lugar no adro da igrexa parroquial de San Xiao de Narón, nomeando secretario a José Lestache e alcalde a Xosé Xiao Fernández.
A primeira casa consistorial estivo no lugar de Pena de Embade (S. Xiao de Narón), trasladándose máis tarde a Xuvia.
Existiron tentativas de cambiarlle o nome ao concello polo de "Xuvia", pero atopáronse sempre coa oposición do concello de Neda.
AS COMUNICACIÓNS
As grandes obras públicas realizadas foron:
- Renovación e rehabilitación da Ponte de Xuvia no ano 1831.
- Construcción da Ponte do Ferrocarril do Couto, que supuxo unha forte agresión medioambiental para o fondo da ría ao funcionar como dique, impedindo o paso dos aluvións e lodos e a renovación debida ás mareas.
- A Ponte de ferro das Cabras.
- Construcción da estrada de Castela, anos 40.
A REVOLTA DE "AS PEDRADAS"
A revista NÓS cualificou así aos feitos acaecidos na feira do trece en marzo de 1918.
O ferrocarril Betanzos-Ferrol, que pasaba por Narón, prexudicaba á economía labrega da zona, xa que traería productos do interior de Galicia a Ferrol a baixo prezo.
Os veciños protestaron esa tarde de feira diante do establecemento do Alcalde Xosé Fernández Lemos polo inxusto reparto de consumos entre os veciños do concello.
Ao medrar o enfado dos veciños, que tiraban pedras, o alcalde mandou chamar á Garda Civil, que para disolvelos, disparou e causou seis mortos, moitos feridos e levou presos.
O Concello de Narón, en mans de caciques, fixo un comunicado ese mesmo día laiándose do "vandálico atropelo do que foi víctima o señor alcalde na súa propiedade por parte duns cantos bandidos que enarborando a bandeira da fame trataban de saquear o seu establecemento".
A partir diso os labregos comezan a organizarse en sindicatos, sentando os alicerces das actuais cooperativas tan arraigadas en Narón: Pedroso, Sedes, San Mateu, O Val, Castro...
Anos máis tarde, a corporación republicana de Narón, en abril de 1933, acordou a construcción dun monumento onde os labregos perderan a vida na feira do 13 pero que foi destruído durante a guerra civil.
FINAIS DO SÉCULO XX
No ano 1960, o arquitecto ferrolán García Lastra construíu a casa do Concello.
No campo da demografía destaca a creación en 1970 da parroquia de Santa Icía con 2833 habitantes e que no ano 2004 contaba con 6043 habitantes.
Na industria destaca a creación dos tres polígonos industriais: As Lagoas, A Gándara e Río do Pozo.
Na cultura é salientable a inauguración do Auditorio municipal en 1993.
E por último, unha das novidades a nivel institucional que aportou o século XX foi a creación en 1999 da Bandeira de Narón.

O NOVO NARÓN DO SÉCULO XXI

ECONOMÍA
Narón entrou no novo milenio asumindo sen complexos a súa condición de locomotora socioeconómica da Terra de Trasancos. O profesor Pedro Arias, opina que “non é un centro comarcal clásico, porque as súas funcións e apoiatura económica non se basean nun conxunto de actividades orientadas á vertebración dunha área de influencia, senón que a súa apoiatura económica aseméllase máis ó que é un centro urbano que a unha cabaceira comarcal”.
A praza de Galicia, no barrio de Outo do Castiñeiro, é o emblema do Narón do século XXI, que asume o papel de centro urbano e comercial nun contexto de forte desenvolvemento da actividade na industria e no sector servicios. Nesta área, construíuse a nova casa consistorial, de 5000 metros cadrados de amplas e modernas instalacións que substitúen ao antigo concello en Xubia, que prestara servicio durante boa parte do século pasado.
Outro dos emblemas do Narón do século XXI foi a construcción do Centro Comercial Odeón, na Gándara.
Actualmente as dúas principais empresas asentadas en Narón son Megasa e Poligal (Polipropileno de Galicia).
Narón conta, así mesmo, co polígono industrial máis grande de Galicia: Río do Pozo, de 2 millón de metros cadrados.
SERVICIOS SOCIAIS.
A política de servicio comunitarios do Concello de Narón é alicerce fundamental do traballo realizado nos últimos anos. Narón adica ao servicio sociocomunitario a cuarta parte do orzamento.
Unha das últimas incorporación é a Biblioteca Municipal (inaugurada no ano 2003), que se ven a sumar a outra instalacións xa existentes como o Auditorio Municipal, a Casa da Cultura, a Casa da Mocidade, o Pavillón polideportivo da Gándara, etc.
Ultimamente destaca tamén a construcción de garderías municipais.
Entre as actividades culturais destacan fundamentalmente o Teatro, a música tradicional, a danza, e o apoio a diversas asociacións culturais como a escola de música e a Xove Banda de Narón.
DEMOGRAFÍA
Actualmente, Narón destaca por ser un dos poucos concellos da nosa bisbarra que continúa medrando, a un ritmo de uns 500 habitantes/ano.
O número total de habitantes é, polo tanto difícil de precisar con exactitude, xa que ademais de medrar constantemente, os censos municipais e estatais non se poñen de acordo. Podemos chegar a precisar sen concorrer en erros que Narón ten entre 35000 e 40000 habitantes.
Narón cambiou a súa capitalidade da Gándara de Xuvia a Narón o 6 de xuño de 2002, distinguindo os barrios (Gándara, Santa Icía, Freixeiro, Piñeiros, O Alto, O Couto e Xuvia) e as parroquias rurais (Castro, Doso, Pedroso, Narón, Sedes, Trasancos e O Val).
A parroquia máis poboada de Narón é a de Piñeiros (6791 hab.), seguida moi de preto polas de A Gándara (6775 hab.) e Santa Icía (6043 hab.). A menos poboada é a de Doso (461 hab.). Todo isto seguindo os datos que posuía o concello no ano 2004.
POLÍTICA
Narón non é un municipio de grandes cambios políticos. Durante os sete anos que levamos neste século XXI, á fronte do concello estivo Xoán Gato Díaz.

BIBLIOGRAFÍA


CONCELLO DE NARÓN.-Narón, terra de futuro
MERLÁN, Eva e outros.-Narón, unha historia ilustrada na Terra de Trasancos.
PENA GRAÑA, Andrés.- Muiñería Industrial: A Real Fábrica de Fariñas da Ponte de Xuvia.
PENA GRAÑA, Andrés.- Narón, un concello con historia de seu (I)
PENA GRAÑA, Andrés.- Narón, un concello con historia de seu (II)

Iván Fernández Coba
2º de Bach - C
I.E.S. "As Telleiras" - Narón
Ano 2007.